Para inicia-la listaxe de lugares de bo comer, qué mellor que comezar por un dos meus lugares preferidos na Coruña: Adega A Bica.
Situado a 200 metros da praza de María Pita, aquí encontraredes un lugar que aposta polos productos frescos e galegos, confeccionando unha carta de productos apetitosa e moderna. Entre os seus manxares, poderedes degustar un queixo do país con mel e noces, a tosta de solombiño con queixo de cabra e cebola caramelizada ou o delicioso Cremoso de chocolate (que consiste nun coulant de chocolate acompañado dunha bola de xelado de mandarina con peta-zetas e unha folla de herbaboa). Todo iso en conxunción cunha boa carta de viños.
O local ten ademáis un estilo moderno, cunha coidada imaxe propia. Situado nunha das principais zonas peatonais da cidade, posúe dúas entradas que che levan a dous mundos diferentes: a entrada por Riego de Agua, introduce ó comensal no restaurante, para disfrutar dunha cea pausada coa parella ou amigos; a entrada pola Avenida da Marina, lévao á zona-bar, onde as tostas e as cañas son as raíñas. Ambos espazos conviven nun mesmo nivel sendo separados por unha zona central onde se sitúa a cociña.
Para o que vos escribe, A Bica é un dos mellores lugares de tapeo da Coruña.
- Local: Adega A Bica
- Situación: A Coruña, Riego de Agua, 31. (Entrada tamén por Avenida de la Marina)
- Tipoloxía: restaurante e tapeo; productos frescos e galegos.